Pontevedra é unha cidade alegre e de enraizadas tradicións e entre as súas festas cómpre destacar os Maios, festexo que celebra a chegada da primavera, o enterro do loro Ravachol, espectáculo que a cidade recrea ao finalizar o Entroido, e a Feira Franca, que ten lugar a primeira fin de semana de setembro, e consiste na recreación do mercado aberto que se comezou a celebrar en Pontevedra a partir de 1467, en virtude do privilexio concedido polo rei Henrique IV. A gastronomía, a variada oferta do mercado, o ambiente lúdico das rúas, as actividades de base histórica (como as demostracións de oficios), os espectáculos de música, teatro e animación e o colorido dos traxes de época son os principais ingredientes dunha festa que se caracteriza pola elevada e activa participación cidadá. A festividade de virxe Peregrina, patroa da provincia, celébrase o segundo domingo de agosto e constitúe o motivo central sobre o que xira unha rica e variada proposta lúdica. Son as festas grandes de Pontevedra e o seu programa de actos, que dura unha semana, comprende concertos, música de corais e bandas de música, folclore, actividades de animación, touradas (na única praza existente en Galicia), espectáculos deportivos e pirotécnicos, etc. Todo iso unido ao ambiente das atraccións, os postos e as barracas da alameda, as verbenas e un sen fin de actividades. As parroquias tamén viven as súas festas. Así, todos os luns de Pascua celébrase no monte de San Cibrán de Tomeza unha popular romaría, á que acoden os devotos do santo para curar o mal de ollo e o meigallo. Este día é cita obrigada de encontro para centos de persoas que se reúnen para gozar dun xantar ao aire libre, así como das múltiples atraccións, grupos folclóricos e verbenas encargadas de amenizar a festa. O día 11 de xullo tamén se celébra a concorrida romaría do “santo máis milagreiro”, segundo cantan os cantares: San Bieitiño de Lérez. Declarada festa de interese turístico nacional, conta cunha programación que abrangue desde a gastronomía ata a música tradicional. O antigo mosteiro beneditino de Lérez é un santuario ergueito nas ribeiras do río Lérez, onde se honra a pequena imaxe de San Bieito. Este santo é un dos máis venerados de Galicia, e o seu culto remóntase á Alta Idade Media. Desde entón espallouse coa orde do Císter, que contaba en Galiza con importantes mosteiros. A San Bieito acoden os devotos coa esperanza de curar algún mal, especialmente as verrugas. En canto a festas gastronómicas, o segundo domingo de marzo celébrase en Mourente a tradicional Festa do Caldo. Igualmente, o primeiro domingo de xullo celébrase na parroquia de Ponte Sampaio a Festa da Anguía, que ten como principal obxectivo a exaltación do aprezado pez preparado en diferentes especialidades: frito, guisado con fideos, en escabeche, en empanada... Tamén os días 1, 8, 15 e 23 de cada mes hai mercado na cidade de Pontevedra. |