Castellano

Patrimonio arqueolóxico

 

 

 

 

 
O patrimonio arqueolóxico do Concello de Pontevedra caracterízase pola súa riqueza, non en balde pola cidade pasaba a vía romana XIX.

Dentro deste acervo existen manifestacións de diferentes tipos de elementos como son os petroglifos, as mámoas ou os castros. Unha das parroquias ricas en pegadas arqueolóxicas é Campañó, das que son un bo exemplo as seis mámoas e os petroglifos localizados nos castros de Fiestoso e do Outeiro. Xunto ao castro de Sineiro tamén se atoparon diversos obxectos e restos de cerámica.

Ponte Sampaio tamén conserva importantes pegadas arqueolóxicas, así temos unha machada que corresponde á Idade de Bronce, inscricións rupestres no monte do Chan da Cruz, un castro prerromano e un treito da calzada romana. Igualmente, en Alba atopouse un miliario dedicado ao emperador Caracalla, mostra do evidente paso da vía romana número XIX por esta parroquia.

En canto a petroglifos destacan o “Regato dos Buratos -Outeiro da Mina”, o de “Laxe do Outeiro do Mato das Cruces” e do “Campo do Tiro”, os tres na parroquia de Salcedo, declarados Bens de Interese Cultural polas súas especiais características.

Non podemos esquecer un sepulcro castrexo escavado en pedra e situado a escasos cen metros da igrexa parroquial de Santo Estevo da Canicouva (datado no século XII). Conta a tradición que este santo, venerado por ser protector contra a rabia, fuxiu da antiga igrexa derrubada; e apareceu despois neste sepulcro antropomorfo, máis coñecido como “A Cama do santo Estevo”, onde a xente se deita para curar a dor de ventre.

 

 

A Cama do santo Estevo
A Cama do santo Estevo
 
> Patrimonio arqueolóxico
> PONTEVEDRA

 

 

 

 

Asociación de Desenvolvemento Rural Proder II-Comarca de Pontevedra
> Créditos fotográficos