Castellano

Arquitectura civil

 

 

 

 

 

Dentro da arquitectura civil cómpre citar a existencia dun importante número de pontes ben conservadas, como a de Ponte Sampaio, de grande importancia histórica por librarse nela en 1809 unha decisiva batalla contra os invasores franceses. A ponte está composta por dez arcos semicirculares construídos sobre o río Verdugo que une esta parroquia co lugar de Arcade no veciño concello de Soutomaior. Aínda que a súa orixe é romana o que se conserva dela na actualidade é medieval. Tamén son merecentes de visitar dúas pontes antigas en Bora.

En canto a edificios singulares, sobresaen o Pazo de Gandarón (na parroquia Salcedo) e o Pazo de Lourizán. O primeiro abeira a Misión Biolóxica de Galicia, unha entidade que centra as súas investigacións na mellora xenética dos cultivos de zonas húmidas.

A súa vez, a herdade da familia Montero Ríos, máis coñecida como o "Pazo de Lourizán", abeira un centro de investigacións forestais rodeado por uns vizosos xardíns, onde medran especies forestais exóticas coma fentos arbóreos, cipreses, cedros, magnolios, camelias, bananeiros, eucaliptos... Do antigo edificio, consérvase o pombal do século XV que asemella unha gran coroa que emerxe do chan.

Menos importante, pero tamén significativa, é a casa Gondar en Santa María de Xeve. Trátase dunha construción do século XVIII que aínda conserva unha dependencia anexa outrora empregada como cárcere.

Para concluír, na parroquia de Lérez (concretamente no lugar da Santiña) merece unha visita a casa na que, segundo conta a tradición, acolleron o apóstolo Santiago cando peregrinaba por Galiza. Por este motivo lendario, na procesión do Día de Santiago ofrécenselle ao santo as uvas desta casa, na que se apreza unha cepa que madura moito antes cás outras, e crese popularmente que este "milagre" é froito dunha intercesión do santo por telo atendido.

 

Pazo de Lourizán
Pazo de Gandarón
Ponte de Ponte Sampaio
 
> Arquitectura civil
> PONTEVEDRA

 

 

 

 

Asociación de Desenvolvemento Rural Proder II-Comarca de Pontevedra
> Créditos fotográficos