O concello de Pontevedra esténdese pola parte sur da ría que leva o seu nome, onde ocupa os vales fluviais do Lérez e do Tomeza; cara ao sur, chega ata a desembocadura do río Verdugo, en Ponte Sampaio. Aséntase rodeado de catro sectores montañosos separados entre si por dúas crebas, unha de dirección meridiana e outra nordeste-sudeste que foi aproveitada polo río Lérez para instalar o seu curso fluvial. O municipio posúe unha situación central con respecto ás Rías Baixas. A súa posición no fondo da ría, na desembocadura do río Lérez, defendida polas barreiras areosas dos ataques polo mar, marcaron historicamente a cidade e os seus poboadores. De feito, no século XVI, Pontevedra convértese nunha das máis populosas vilas galegas cun gran porto pesqueiro ligado ao comercio internacional. Testemuño desta época é a magnífica igrexa de Santa María, levantada grazas ás achegas do poderoso Gremio de Mareantes. As 15 parroquias que conforman o amplo termo municipal de Pontevedra non só gozan dun grande interese paisaxístico, senón que tamén destacan polos importantes monumentos e as valiosas mostras de arquitectura popular que é mester visitar. Unhas destacan polos seus restos prehistóricos (como Campañó e Salcedo); outras, polas súas magníficas igrexas (en Marcón, Mourente ou A Canicouva); aqueloutras teñen sona polos acontecementos históricos que viviron (como Ponte Sampaio), ou ben polos seus impoñentes pazos (Lourizán). Tamén hai parroquias que destacan pola beleza da súa natureza e da súa paisaxe (Alba, Cerpozóns, Verducido, Bora, Santo André e Santa María de Xeve) ou polas súas populares romarías (Lérez e Tomeza). Pódese chegar a Pontevedra desde A Coruña (130 km) e Santiago (58 km) a través da autoestrada AP-9 ou a N-550. Tamén pódese chegar desde Vigo (27 km) pola AP-9 ou pola N-552 ata Redondela e desde alí a través da N-550. Desde Lugo (136 km) vaise pola N-640 ata Lalín, onde se accede á estrada PO-200 ata enlazar coa N-541 que conduce a Pontevedra. Desde Ourense (90 km), a N-541 conduce directamente a Pontevedra. |