Son moi numerosas as festas que teñen lugar en todas as aldeas do concello de Ponte Caldelas, pero destacan amplamente en número as de carácter relixioso. A máis importante, a festa das Dores, celébrase a última fin de semana do mes de agosto (de sábado a martes). Son as festas patronais do municipio e congregan a numerosos visitantes, sobre todo o martes coa celebración dunha verbena que se prolonga ata ben entrada a mañá do día seguinte. Tamén conmemóranse as Festas das Dores no lugar de Anceu o último domingo de setembro que destacan pola celebración dunha tradicional danza cuxa orixe se remonta á época dos celtas. Outra das festas máis importantes do concello, e quizais a que reúne máis público, é a Festa da Troita. Naceu no ano 1967 como froito da excelente pesca que se obtén no río Verdugo e hoxe constitúe un dos festexos gastronómicos de máis tradición e antigüidade en Galiza. Declarada como festa de interese turístico, ten lugar o derradeiro domingo de maio e entre todas as actividades que abrangue, destaca un concurso internacional de pesca deportiva na modalidade de salmónidos. Tamén se festexan as romarías de san Vicente, en Parada (22 de xaneiro), a Virxe da Saúde, en Rebordelo (o domingo seguinte á Semana Santa), e a de Cristo Rei, en Xustáns (o primeiro domingo de xullo). Na vila de Ponte Caldelas hai feira os días 5 e 20 de cada mes. |