A arquitectura civil no concello de Ponte Caldelas caracterízase polo elevado número de casas singulares que atopamos. Trátase de construcións de tipo colonial ou indiano, que datan de mediados do século pasado e pertencen a emigrantes retornados. A maior parte delas atópanse en bo estado de conservación e outorgan un estilo case señorial á paisaxe das aldeas. Dentro das edificacións de carácter civil destacan os pazos do Pombal, cuxa construción remóntase ao último cuarto do século XVIII, e a antiga Casa da Inquisición, ambas as dúas na parroquia de Tourón. Na capital municipal atópase a ponte sobre o río Verdugo, construída a finais do século XVI e na que tivo lugar en 1809 unha histórica batalla contra as tropas francesas durante a Guerra da Independencia. |