A beleza natural da súa paisaxe destaca polo contorno do río Verdugo, que atravesa o municipio. O percorrido pola súa canle, de augas cristalinas, convida a gozar de calquera actividade que implique o contacto directo coa natureza. Cómpre salientar neste sentido os tranquilos e acougados paseos por lugares tan característicos como son os pasos da Fraga, os diferentes encoros -como o do Inferno en Taboadelo que presenta unha paisaxe de senlleira beleza- ou a praia fluvial da Calzada moi concorrida no verán. Ligados ao río Verdugo atópanse algúns sendeiros, case esquecidos, que discorren ao longo do curso fluvial, nalgúns casos atravesado por pasos e pontellas, que antano unían as diferentes aldeas ou que eran a vía de comunicación para chegar aos mercados e feiras. Algúns destes camiños conservan o seu empedrado secular. O carácter montañoso do concello fai que se atopen numerosos miradoiros para admirar a beleza do contorno. Destaca o de Castrelada, desde o que se obtén unha fermosa vista das terras do concello. Tampouco se debe prescindir das vistas que se divisan desde o miradoiro do Sagrado Corazón, na parroquia de Ponte Caldelas, e o de Cristo Rei, na parroquia de Xustáns. O Concello de Ponte Caldelas aséntase sobre un abrupto terreo montañoso no que as principais elevacións sitúanse nos límites do municipio: Serra de Castrelada (633 m), A Fracha (545 m), Couto da Brea (536 m) e Penarada (544 m). |