A situación xeográfica do concello de Ponte Caldelas é un factor determinante na súa configuración económica. Moi próximo aos circuítos da economía dinámica das Rías Baixas, apenas sufriu a despoboación habitual dos concellos do interior de Galiza. A base económica do concello descansa sobre o sector terciario, onde se concentra a maior parte da poboación ocupada. Este sector está representado principalmente na capital municipal e centra numerosos servizos de tipo administrativo, comercial, educativo, de lecer... pero o comercio e a hostelaría son os máis importantes. O sector secundario está representado por industrias fundamentalmente manufactureiras. Ademais, a recente dinamización do sector comercial fomentou o crecemento do subsector construtivo que tamén dá ocupación a unha parte importante da poboación activa. O tecido industrial de Ponte Caldelas complétase coa implantación do polígono da Reigosa, cunha superficie de preto de 500.000 metros cadrados, que se desenvolverán por fases. O parque industrial pode considerarse como un elemento estratéxico dentro do desenvolvemento económico e comercial do municipio; contará con máis de 284.000 metros cadrados de superficie de uso industrial e comercial, un parque deportivo, unha zona de equipamento social e comercial, zonas verdes, unha rede viaria e de aparcamentos e un Centro Intermodal de Transportes. |