O municipio de Ponte Caldelas ten unha superficie de 87 quilómetros cuadrados; linda ao norte co Concello de Cotobade; ao sur con Fornelos de Montes e Soutomaior; ao leste coa Lama e ao oeste coa capital da provincia de Pontevedra, da que se afasta 15 km. O concello recibiu o seu nome seguramente da antiga ponte medieval sobre o río Verdugo e das súas augas termais sulfuroso-sódicas. Pero as terras sobre as que se asenta, estiveron poboadas moito antes de que recibisen este nome. Así o poñen de manifesto os petroglifos megalíticos encontrados na parroquia de Santa María de Tourón e Forzáns ou os castros de Santa María de Castro Barbudo e Parada. En xeral, todo o percorrido pola canle do río goza dunha abraiante beleza. Fermosas paraxes onde se pode pescar, facer sendeirismo ou montar a cabalo. Tampouco se debe prescindir das excelsas vistas que se albiscan desde o mirador de Castrelada, ademais dos paseos pola Fraga, dun baño na praia fluvial, ou dunha repoñedora merenda nas áreas de recreo do Viveiro de Pazos ou Pé da Múa. O Concello está moi ben dotado de todo tipo de servizos; de feito, nos últimos anos destaca polo seu ambiente nocturno nas fins de semana e a súa excelente gastronomía. Pódese chegar a Ponte Caldelas desde A Coruña (143 km), Santiago (71 km) e Pontevedra (13 km). Desde as dúas primeiras cidades chégase a Pontevedra pola AP-9 ou pola N-550; e unha vez na capital da provincia cóllese a C-531 directamente ata Ponte Caldelas. Desde Vigo (39 km) chégase pola AP-9 ou N-552 / N-550 ata Pontevedra, e desde alí, a C-531, dirección Ponte Caldelas. Desde Lugo (144 km), pola N-640 ata Lalín onde se colle a PO-200 ata que enlaza coa N-541 dirección Pontevedra. Alí tómase a C-531, directamente a Ponte Caldelas. Desde Ourense (88 km), dirección Vigo pola A-52 ata a salida da Cañiza, que permite enlazar coa C-531. |