Aliñados na mesma franxa de costa do municipio, podemos atopar máis de 30 hórreos que non só constitúen a maior agrupación destas construcións en Galiza, senón tamén unha estampa única e realmente fermosa. Na vila portuaria de Combarro, declarada Conxunto de Interese Artístico e Pintoresco, ao hórreo chámaselle 'palleira' debido a que a palla era o material con que se cubrían os máis antigos. Lamentablemente, hoxe non se conserva ningún destas características. A madeira, o granito e o tixolo son os materiais empregados na súa construción. En ocasións combínanse uns e outros dando lugar ao denominado hórreo mixto. Nos xardíns e campos adxacentes ao Mosteiro de Poio, encóntrase un hórreo considerado como un dos de maior lonxitude de toda Galiza: ocupa 123 metros cadrados e mide 33 metros de longo. ApÛiase en tres ringleiras de tornaratos, en vez de dous que é o normal nestas terras, cun total de 51 apoios. Nos cruces de camiños e nas prazas poden verse habitualmente distintos cruceiros. A antropoloxía fálanos dun culto precristián aos deuses protectores dos camiños. Esa protección podería explicar que, por exemplo, dos seis cruceiros que se erguen en Combarro, tres mostren no reverso da cruz unha imaxe da Virxe do Socorro que en actitude violenta pisa e castiga á representación do mal. Asemade, destaca a imaxe de san Roque acompañado do seu fiel can representados no fuste do cruceiro existente no adro da vella igrexa parroquial. Algúns cruceiros presentan diante unha mesa-altar que algunhas veciñas engalanan con gran esmero todos os anos para a procesión do Corpus. Antigamente existía a tradición de que as comitivas fúnebres se detivesen diante de cada cruceiro para colocar o cadaleito no altar e pregar pola alma do defunto. |