O Concello de Poio atesoura unha importante concentración de complexos de gravados históricos ao ar libre. Trátase de interesentes conxuntos de arte ruprestre, tamén coñecidos como petroglifos, que pertencen á Idade de Bronce (1800-600 aC) e que constitúen unha parte importante do patrimonio arqueolóxico e cultural do municipio. As estacións dos petroglifos dos montes de Poio e limítrofes sitúanse entre as máis importantes da provincia e da parte occidental da península, e así o demostra a categoría de tres destes conxuntos declarados “monumentos nacionais”. Estes conxuntos atópanse sobre rochas graníticas de formas variables e de grandes dimensións (a máis grande mide cinco metros de longo). Entre algúns dos conxuntos máis espectaculares sobresaen en San Salvador “A Pedra Grande de Montecelo” e a “Laxe das Lebres” ou en Samieira o “Outeiro da Burata” e o “Monte Cruxeiro”. Cómpre destacar que o petroglifo denominado “A Laxe das Picadas” está actualmente exposto no Museo de Pontevedra. A temática dominante nestes gravados é moi característica e pódese agrupar en dous grandes bloques: xeométrico e naturalista, coa existencia dunha gran variedade de representacións tales como cervos, cazoletas, combinacións circulares e diversas figuras antropomórficas. |