A tan só tres quilómetros de San Xoán de Poio encóntrase a vila de Combarro, declarada Conxunto de Interese Artístico e Pintoresco en 1972 e un dos núcleos pesqueiros máis fermosos da costa galega. En canto ás videndas, non todas teñen a mesma tipoloxía. A máis elemental é a casa terreña, pequena e cun pavimento que era o propio terreo, a terra ou a pedra. Hai tamén unha casa labrega, que se caracteriza pola súa amplitude e por ter unha porta ancha para a entrada do carro das vacas. As máis estendidas son as casas con sobrado, que están dispostas entre medianeiras e teñen baixo e primeiro andar. No baixo (a adega) almacénanse os aparellos de pesca e os apeiros de labranza, e moitas veces atopamos un lugar para facer viño. O balcón é un elemento relevante nestas casas. A súa balaustrada execútase tradicionalmente en madeira, ferro e incluso pedra. Neste último caso, ofrécesenos fermosas solainas de cantería de inspiración e factura barroca. As vivendas articúlanse en función das dúas rúas principais (san Roque e A Rúa), ás que van dar estreitos calellos, e en cuxas encrucilladas e pequenas prazas levántanse os afamados cruceiros da vila. Outro elemento a destacar no municipio é a casa de Cristóbal Colón, situada no lugar de Portosanto, onde se di que naceu o descubridor. Grazas ás axudas para o programa de desenvolvemento rural “Valorización do territorio”, financiado ao abeiro do programa PRODER II, construirase aquí o Museo de Colón. |