Castellano

Arquitectura relixiosa

 

 

 

 

 

Mencionar a arquitectura relixiosa do concello de Poio require forzosamente vinculala ao Mosteiro de San Xoán de Poio, cuxas orixes da súa fundación e constitución atribúense a san Fructuoso de Braga no século VII.

Declarado Monumento Histórico-Artístico, o Mosteiro de Poio forma un conxunto arquitectónico de incomparable beleza. En realidade trátase de dous mosteiros distintos, segundo a época na que se desenvolveu cada edificación. Así, por un lado, está o antigo convento beneditino que consta de diversas dependencias, sobre todo, dos séculos XVI e XVIII. A este periodo pertencen a igrexa, os dous claustros - do Cruceiro e das Procesións - e demais dependencias. E por outro lado, o moderno, mercedario, tamén con dous patios paralelos e unha capela ampla que sobresae do edificio. As obras iniciáronse en 1959 e realizáronse para establecer aquí un seminario maior.

A igrexa é do renacemento puro, con elementos barrocos nas varandas do coro. Este último, sostido por un amplo arco. No punto central da bóveda do cruceiro destaca un excepcional florón onde está labrada a data de 1708, ano en que remataron as obras de edificación do templo. O pavimento da igrexa, do ano 1776, servía antigamente para dar sepultura aos fregueses, de aí que as súas pedras estean numeradas perfectamente cuadriculadas.

O claustro das Procesións, de finais do século XVI, está pechado por 24 arcos de medio punto peraltado. Desde aquí accédese á escaleira principal (Escaleira de Honra), obra barroca do século XVIII de atrevida grandiosidade. O claustro do Cruceiro, á súa vez, ten un mosaico con algunhas escenas tradicionais da historia do Camiño de Santiago, así como os seus monumentos máis importantes.

Digna de admiración é a biblioteca, unha das máis importantes de Galiza e que abeira máis de 80.000 volumes, a maioría dos cales foron adquiridos polos monxes beneditinos cando o Mosteiro era Colexio Maior de Teoloxía. Tamén os monxes mercedarios fixeron a súa achega traendo de Conxo algunhas das obras que lles pertencían.

     
 
Mosteiro de Poio
Mosteiro de Poio
 
Hórreo do Mosteiro de Poio
 
> Arquitectura relixiosa
> POIO

 

 

 

 

Asociación de Desenvolvemento Rural Proder II-Comarca de Pontevedra
> Créditos fotográficos