As celebracións que reúnen a un maior número de xente son as dúas romarías que se celebran: a de San Breixo, que se festexa o primeiro domingo de outubro, e a de San Cibrán de Agudelo-Chan-Casás, o terceiro domingo de xuño. Din os máis vellos do concello que fai moitos anos vían xentes de toda a xeografía galega para que San Breixo lles curase o reúma. A tradición do santo milagreiro continúa no día de hoxe. Tamén goza de sona e importancia a coñecida Festa do Viño, que ten como día grande o terceiro domingo de xuño, pero durante toda a semana realízanse actos culturais, musicais e deportivos. Nesta feira o protagonista é o viño branco, típico desta zona, especialmente as variedades de Albariño e Caíño. O día grande danse os galardóns aos mellores viños e os que o desexen poden probalos de xeito gratuíto pola mañá. A festa patronal do municipio é a dedicada a San Martiño de Agudelo o 11 de novembro e o 15 de agosto, as festas de Santa María en Perdecanai. Todos os domingos de cada mes hai feira en Barro. |