Barro é un territorio que pasou bastante desapercibido ao longo da historia, o que tivo como principal consecuencia o feito de que non tivesen lugar acontecementos históricos de certa relevancia. Aínda así, os vestixios atopados no castro da Chan de Güimil e no castro do Monte Setefontes demostran que os primeiros asentamentos humanos na zona estaban vencellados á cultura castrexa e corroboran a existencia do que pode ser o castro máis grande de Galicia. Según expertos arqueólogos, os restos deste castro poden datar do século II dC e do I aC e polo seu tamaño o xacemento corresponde ao dunha gran cidade, quizais integrada na Vía XIX romana de Brácara Augusta a Asturica Augusta. Outros xacementos importantes que merecen ser salientados son os castros de Curro e de Barro, así como a coñecida como “Pedra do home”, situada no lugar de Triabá en Perdecanai. Trátase dun conxunto de pedras singulares no que destaca unha de grande tamaño que apoia a súa base sobre rocha e descansa a parte máis alta sobre outra pedra deixando un oco polo que antes podían pasar carros. Hoxe a xente pasa a pé e segundo relatan os veciños, un home viviu debaixo dela noutra época lonxana. |