Da arquitectura civil do concello de Barro sobresae a casa de Vista Real, situada na parroquia de San Martiño de Agudelo, que foi construída a finais do século XVI aínda que posteriormente reformada no século XVIII. Á súa vez, cómpre nomear a Casa da Torre, antiga casa rectoral hoxe tansformada en granxa. No portón da entrada hai un escudo coas armas de Castro, Caamaño, Mosquera, Xil e brasóns alusivos ao pontificado e á Inquisición. En Perdecanai atópase o Pazo de Santo Antoniño, tamén coñecido como o Pazo da Crega. Esta construción destaca sobre todo pola súa chimenea almenada e polo hórreo e o pombal que abeira a súa herdade. Non podemos rematar sen mencionar a casa natal de Ángel María José Amor Ruibal, unha das figuras universais do pensamento galego. Esta edificación foi recentemente restaurada. |