O concello de Barro atópase situado no noroeste da provincia de Pontevedra. Linda polo sur cos municipios de Poio e Pontevedra, polo leste co de Moraña, polo norte co de Portas e polo oeste, con Meis. O municipio está encravado nunha zona de pouca altitude con cumes que apenas superan os 350 metros, pero o punto máis alto é o monte Acibal (541 metros). En todo o territorio vanse mesturando a chairas con pequenos outeiros. Os pequenos regueiros que percorren o municipio deíxanlle as súas augas ao río Chaín, que cruza o territorio de sur a norte para envorcar as súas augas no río Umia. O concello é, ademais, zona de colleita e elaboración de viño albariño. Pero tamén o é de bo augardente, co que se acostuma a realizar grandes queimadas. A quen visite estas terras seralle moi doado chegar porque as grandes estradas do occidente galego atravesan o territorio. Desde A Coruña (117 km) e Santiago (46 km) chégase a Barro directamente desde a N-550 ou ben tomando a AP-9, dirección Pontevedra, ata a salida 93 (Riveira), onde se enlaza coa N-550 e se fan os últimos 23 km. Desde Vigo (39 km) chégase á capital provincial pola AP-9 ou pola N-552/N-550. Unha vez en Pontevedra (12 km) séguese pola N-550 dirección Caldas de Reis. Desde Lugo (156 km) viáxase pola N-640 ata Lalín, onde se accede á N-525 ata Silleda. Unha vez alí, tómase a N-640 ata Caldas de Reis para enlazar coa N-550 que conduce a Barro. Desde Ourense (99 km), pola N-541 ata Pontevedra e de alí a Barro pola N-550 dirección a Caldas de Reis. |